Suso Muras (1958-2007). Pintor

Suso Muras (1958-2007). Pintor


Un home pódese gabar de ser valente e seguir sendo valente; pode presumir de ser claro e conciso, e seguir sendo claro e conciso. Pero non podemos vanagloriarnos de ser sinxelos sen perder esa singular virtude. Suso nunca a perdeu. Ninguén inventa nada. A humildade de Suso Muras, a medida que trazaba o seu itinerario artístico, o menos que facía era vincular a súa idea de beleza, a outra de reparación, de rescate: de xustiza. Un xeito honesto de contemplar o pasado. De aí o amable, cercano e familiar do seu Cosmos.

Sobriedade e humildade pódense ver claramente nos seus traballos. A bondade tamén; e a algúns foinos dada esa bondade ó coñecelo.

Jesús Muras Chamosa nace en Seoane (ou S. Xoán de Meavía), parroquia do Concello de Forcarei, o 11 de febreiro do ano 58. Fillo de José Muras e de María Chamosa, ten dúas irmás maiores: Carmen e Gloria. A maior, Carmen, lembra que alá polo ano 63 ou 64, Suso dicíalle á avoa: "madriña, voute pintar pranando as patacas”.

Asiste á escola da parroquia e cursa os primeiros anos do bacharelato por libre. Do ano 71 ata o 76 fai o resto no instituto da Estrada, hospedándose nunha pensión que caía pola zoa da Baiuca.

Os que o coñecimos recordamos o que lle gustaba o fútbol e o ben que xogaba. En 5º móstralle os seus debuxos e pinturas a D. Antonio Porta, o noso profesor de Historia, o cal o anima para que siga traballando nesa faceta. A familia pregáballe que se ocupase en algo máis práctico. Suso pinta e fai Maxisterio.

Do 77 ata o 79 cursa estudos na Escola de Maxisterio de Vigo e tamén na Escola deArtes eOficios.No ano 79 trasládase a Barcelona onde remata Maxisterio, e tamén fai estudos de Belas Artes en S. Jordi (Universidade de Barcelona). Nestes anos vai compaxinar a actividade artística cos seus estudos e estancias en Suiza, onde vive súa irmá Gloria. Traballa na construcción e noutros oficios para financiar a súa adicación á pintura. No ano 83 participa na mostra colectiva de Arte Xove da Bienal da capital catalana.

A mediados dos 80 vense para Vigo onde realiza varias mostras tando colectivas coma individuais (Colexio de Arquitectos de Vigo, Casa da Cultura de Baiona, etc). Expón tamén individualmente no Pub "Modus Vivendi” de Santiago.

Sobre o ano 90 regresa a Seoane, facendo tamén moita vida na Estrada. Asiste ós cursos de talla de madeira na Fundación do Moble, imparte clases de debuxo e pintura en academias particulares e colabora nas actividades complementarias en colexios, contratado polas APAS; pinta murais e rótulos e intervén noutros traballos de tipo "alimenticio” como as brigadas para a extinción de incendios.

Expón en diversos centros e galerías da zoa. Nestes anos fíxase o seu imaxinario artístico: abandoa un pouco os temas mariñeiros da etapa viguesa e céntrase nunha temática que podemos chamar de recuperación, de rescate: o Mosteiro de Aciveiro –participando na súa restauración–, a Ponte Vella de Andón, a Ponte Gomail, a Lagoa Sacra; candís, fusos, chaves vellas...

Para rematar esta primeira aproximación á vida e obra de Suso Muras, cómpre dicir que Muras absorve influencias fundamentalmente do que se chama a "escola de París”: expresionismo, as vangardas (cubismo, fauvismo, os abstractos de Kandinsky, etc), de pintores máis próximos no tempo como Wharhol, David Salle, Anselm Kiefer, Basquiat ou Schnabel; e tamén parte da tradición galega: Colmeiro, Laxeiro e incluso Lugrís. Pero tamén doutros ámbitos artísticos, como demostra o seu coñecemento da poesía de Rimbaud, dos discos de Neil Young e de Massive Attack, etc.

Mais todas estas influenzas non esgotan a pintura de Muras. Hai unha pincelada nidiamente súa, unha amabilidade, unha dignidade na mirada que claramente o separa da paisaxe romántica por desabrida; e tamén o separa da paisaxe bucólica.

Hai unha búsqueda incesante do perdido ou derrubado, pero non en obsequio de símesmo, senón da pintura, da vida, pois para Suso son a mesma cousa. Nada máis lonxe do carpe diem.


Jesús Muras ingresa no Hospital de Montecelo en Pontevedra o 15 de decembro do 2006, e falece o 22 de xuño do 2007.


(Textos de José Manuel Nogueira, artículo publicado no anuario 2007 do Museo do pobo Estradense)

 

Mostra da obra artística de Suso Muras




 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +