Parroquia de Santa María de Dúas Igrexas
Freguesía situada nas estribacións occidentais da serra do Candán, que conseva vestixios da cultura dolménica, en monte Penide, e da cultura castrexa, no castro de Loureiro, con antecastro ben definido e de considerable altura nos seus muros. As lendas populares vencellan a este castro coa primitiva ponte do Crego, a onde ía bañarse a loira ninfa Loureiriña, que se lles aparecía ós que pasaban a ponte.
O templo parroquial é de nave única e campanario de dous corpos, cadrangular o primeiro e octogonal o segundo. Canto á ábsida actual, cadrangular tamén, foi rematada en 1724 e reproduce a forma da primitiva , románica. Os muros do edificio son lisos, de pedra concertada, e cóbrese con bóveda de complexa crucería, a imitación dá ábsida maior de Aciveiro. No seu interior consérvanse varios altares e imaxes da arte popular de notable mérito. A xénese relixiosa da freguesía foi, nun primeiro momento, a existencia de dúas igrexas moi cercanas e de igual categoría, consagrada unha a San Vicente, aberta ó culto ata comenzos do século XIX e derrubada posteriormente – só se salvaría unha pía bautismal e un trozo do antigo cruceiro – , e a outra a Santa María, que é a que na actualidade está aberta ó culto.
Foi berce a parroquia de destros canteiros e artesáns, como amosa a existencia, no século XVIII, do máis relevante obradoiro de cera de toda a comarca, propiedade de Xosé Barreiro, que tiña baixo as súas ordes a máis de dez traballadores.
En Loureiro naceu o pintor Xosé María Barreiro, un dos artistas mellor valorados no actual panorama da pintura galega.
Del pódense ollar distintas obras na Casa do Concello de Forcarei.
1