Sendeiros do Candán
Na Serra do Candán, espacio de protección medioambiental, cabe a posibilidade de facer dúas rutas de considerable atractivo natural e etnográfico.
A primeira, recollida nunha publicación de Paco Armada sobre "Sendeiros de pequeno percorrido na provincia de Pontevedra”, ten coma punto de partida o campo do mosteiro de Acibeiro e, ó longo de 11 quilómetros, transcorre polos lugares de Masgalán, a cima de Seixiños Brancos, Porto Candán, cume de San Benito, a aldea aillada de Grobas e Bustelos. No tramo final, o que vai do fermoso recanto de Grobas a Bustelos, aínda atopamos un anaco longo dun soberbio e vedraño camiño enlousado polas faldras do monte. O propio autor, Paco Armada, resaltábao coma o máis suxestivo e atraente dos dezaseis que compoñían o seu libro.
Outra ruta, de maior duración e dificultade, pódese facer partindo de Fixó, na freguesía de Millerada, atravesando os lugares de A Cabana, A Trigueira, Portomartiño, Ameixedo (lugares pertencentes á comarca histórica, hoxe no concello de Lalín), e Grobas, A Noveliza, Rochela, Vilaverde (xa en Forcarei), rematando tamén no adro de Acibeiro.
Esta ruta alberga algúns espacios dignos de visitar con calma, coma o mesto bosque que atopamos á beira do Ameixedo, unha devesa ubicada na umbría do monte Coco, mirando ó Candán, e que ilustra o que debeu de sé-lo aspecto de grande parte da zona de media montaña galega, é dicir, frondosidade, vexetación tupida e unha enorme variedade de especies vexetais. En poucos lugares se poderá, sen dúbida, atopar semellante mostra do bosque autóctono galego, posto que o lume, a deforestación e a invasión de especies alleas, entre outras causas, fixeron que só en zonas illadas coma esta, case despoboada, cun alto grao de humidade e elevada pendente, sobrevivise esta marabilla, cumio da evolución das formacións vexetais de Galicia, na que aparecen carballos, castiñeiros, bidueiros, acivros, sanguiños, ameneiros, ruscos, fentos e arandos, todos sobre unha grosa capa de brión que cobre o chan do bosque. Tamén nesta ruta podemos olla-los restos de dúas das neveiras (o comercio do xeo foi unha das actividades máis rentables nos séculos XVI e XVII) pertencentes ó mosteiro de Acibeiro, próximas ó cruce entre o camiño que unía Fixó con Grobas e o Camiño Real que enlazaba o propio mosteiro co Ribeiro ourensán a través do Paraño. Diversas zonas de antigas explotacións mineiras e unha central hidráulica de principios de século, na Trigueira, complementan e completan os atractivos de por sí grandes deste sendeiro.
Cabe salientar, pois, a importancia natural, artística e antropolóxica de calquera das rutas expostas, sen esquece-la premisa que plasmabamos no principio deste apartado referente á riqueza e densidade de atractivos visuais e culturais para calquera dos sendeiros que se poidan improvisar en toda a Terra de Montes.
Sendeiros de Montes
1