Historia


Historia.Procesión das Dores anos 60


Dúas son as culturas protohistóricas que deixaron testemuños fidedignos da súa presencia nas terras de Forcarei: por unha parte a cultura dos dólmenes ou mámoas, e por outra a cultura castrexa. Da primeira atopamos vestixios de xeito máis intenso nas freguesías de Castrelo (Mámoa da Carballeira do Rei, Campo das Antas, Tras da Serra), Aciveiro (Porto Fieiro, os Olleiros) e Dúas Igrexas (Penide), aínda que perviven manifestacións en tódalas parroquias. A segunda presenta tamén abundantes vestixios, dos cales os máis representativos son Castro Loureiro, en Dúas Igrexas, o Castro das Rodeiras, en Garellas, o Castro da Mouteira, en Fixó, o Castro de Muras, en Pereira, e o Castro de Montes, en Presqueiras, sobre o cal erguería con posterioridade a fortaleza-residencia dos xuíces-meriños o arcebispo Xelmírez.

Ademais da presencia destas dúas culturas, tamén está testemuñada a presencia sueva, como demostran algúns topónimos da bisbarra, entre eles o de Forcarei, que proviría, segundo o filólogo Isidoro Millán, dun xenitivo de posuidor xermánico, FOLCAREDI, no que o precompoñente sería unha voz gótica ou sueva análoga a VOLK, que significa POBO. Outra tese, demasiado aventurada, cremos, do ourensán P. Crespo, indica tamén que sería palabra bitemática e procedería de FRAUJA, que significa ADAÍL ou SEÑOR, e o sufixo –REDS, que significa CONSELLO ou ASEMBLEA.

No ano 569, durante o reinado do suevo Miro, hai documentos que sinalan a Forcarei como territorio pertencente á sede de Iria Flavia. Naquel entón os habitantes das terras de Forcarei, os Montanos, integraríanse no grupo dos Metacios, e albergarían no seu seo ós poboadores máis antigos da zona, os Umianos (vencellados ó río Umia). É probable tamén que a cristianización dos territorios de Montes tivese lugar nese mesmo período, baixo a férula de Martiño Dumiense, que legaría o seu nome á freguesía de Forcarei. Sen embargo, non será ata o ano 874 cando estas terras figuren enfeudadas, por doazón efectiva de Alfonso III, á sede iriense, segundo documenta Frei Gerónimo Román.

En doazóns efectuadas pola raíña dona Urraca ó arcebispo Xelmírez, entre os anos 1110 e 1115, conclúe a total adscrición á mesma sede, xa capitalizada en Compostela desde o ano 1101. Nestas datas, o centro administrativo e xudicial da bisbarra era a torre-fortaleza encravada no Castro de Montes, en San Miguel de Presqueiras, na pequena península do río do Castro, afluente do Lérez. Desde esta torre os Xuíces-meriños gobernaban o territorio e percibían rendas dos campesiños para a Mitra e maila Coroa, cun poder soamente enfrontado ás veces polas potestades xurisdiccionais do Mosteiro de Aciveiro, fundado no ano 1135 e afectado ó Císter entre os anos 1162 e 1170. Este mosteiro levaría á zona a un apoxeo demográfico, cultural e económico sen parangón na nosa historia. Mostra da súa relevancia é que, a penas transcorridos vinte anos desde a súa fundación, xa figuraba, por status e rendas, entre os sete primeiros dos trinta e oito existentes na diócese de Compostela. As súa pedras son as decanas da Terra de Montes, e mestras do variado abano de oficios que na comarca se desenvolveron durante séculos. Canteiros dignos de lembranza foron Pedro de Arén, autor da Torre dos Sinos da Catedral de Ourense; Pedro de Monteagudo, que tivo entre as súas obras as igrexas dos mosteiros de Oseira e Sobrado, ou Manuel Doval Cadavid, artífice da fermosa imaxe do Corazón de María que se pode ollar no cemiterio parroquial de Millerada, pero houbo moitísimos máis que tamén deixaron profunda pegada nas pontes, cruceiros, hórreos e vivendas. A todos eles está consagrado o libro "Canteiros e artistas de Terra de Montes e das ribeiras do Lérez”, escrito polo cronista Antonio Rodríguez Fraiz.

Entre os anos 1467 e 1476, no transcurso da revolta Irmandiña, a Torre do Castro de Montes foi derrubada, tendo os Xuíces-meriños que trasladar a súa residencia a Soutelo de Montes, onde se asentarían ata a abolición das xurisdiccións especiais, en 1811.

Desde finais do século XV ata o século XVII as terras forcaricenses forman parte daquelas que tiveron que proporcionar ós reis de Castilla peóns para combater nas guerras contra Portugal e entregar forzosamente reses, forraxes, froitas e xuntas de bois.

Na Guerra da Independencia tivo Forcarei o seu pequeno papel na loita contra o inimigo francés. Nos meses de febreiro e abril de 1809 atoparon os galos a dura resistencia da paisanaxe comandada, entre outros, polo primeiro Alcalde de Forcarei e derradeiro dos Xuíces-meriños, don Alonso de Soto Cortés e Varela Vahamonde, da casa de Hermosende. O prezo que se pagou tamén sería duro, xa que nas tres incursións que o exército de Napoleón realizou polas nosas terras cobrou máis dun milleiro de víctimas, e tan só nos días 29 e 30 de abril do mesmo ano foron torturados e asasinados no adro da igrexa máis de douscentos veciños de Forcarei. Despois de que as Cortes de Cádiz fixeran valer a moderna división de Galicia coa remodelación de municipios e partidos xudiciais, o actual territorio de Forcarei dividiríase temporalmente en dous concellos, pertencentes ó partido xudicial de A Bemposta: o de Dúas Igrexas, que abranguería as parroquias de Aciveiro, Castrelo, Forcarei, Meavía, Millerada, Pereira e Quintillán, e o de Soutelo de Montes, que contaría coas freguesías de A Madanela, Ventoxo, Pardesoa e as dúas Presqueiras. En 1814 o rei Fernando VII anula a Constitución e a xurisdicción retorna ó arcebispado de Santiago. A partir de 1833 os dous concellos pasan a formar conxuntamente o actual de Forcarei.

Polo que respecta á incidencia, no transcurso do século XIX, das Guerras Carlistas, hai que sinalar que a zona de Forcarei non figura entre aquelas que foron escenario das loitas, aínda que sí existiron accións de apoio ós facciosos de Cotobade, e tamén cabe salienta-la ocupación, o 16 de abril de 1846, da propia vila de Forcarei polo comandante revolucionario Benito Couto, que confirmou no seu posto ó daquela Alcalde Manuel Mariño, acción que se truncaría días despois, o 24 do mesmo mes, polo brigadier Rubín, que chegou ó mando de 1.500 homes do exército real e foi axudado pola poboación e polo propio Alcalde, que non semellaba moi identificado coa causa Carlista.

No ano 1875 tamén hai testemuño da colaboración coa facción constituída en Silleda por Joaquín Redondo, formada por varios estudiantes e clérigos, entre os que se atopaba o crego de Aciveiro.

Xa no século XX, merece mención o pulo que tiveron as sociedades obreiras no concello, pioneiras na provincia de Pontevedra. De 1901 data a primeira delas, denominada Sociedade Agraria e Gandeira, e fundada por Alfredo Iglesias Álvarez, que tamén sería o artífice, en 1917, da Sociedade de Obreiros e Campesiños de Presqueiras. Estas sociedades formaron parte, xunto con outras da Terra de Montes e da Estrada, dunha federación que tivo como órgano de divulgación o xornal "Acción Social”, víctima coma moitos outros, da censura de Primo de Rivera. En 1931, Alfredo Iglesias foi elixido concelleiro de Forcarei, función que desempeñou ata o ano 1936, en que, perseguido pola Falanxe, expatriaríase ós Estados Unidos coa axuda prestada polo cura de Presqueiras, don Manuel Fraiz Garrido. A Falanxe tamén foi protagonista da persecución do deputado en Cortes pola provincia de Pontevedra, o esclarecido Antón Alonso Ríos, que chegaría a Forcarei oculto baixo a personalidade dun esmoleiro portugués, como el mesmo recolle no libro autobiográfico "O Siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte”. No ano 1931 nacería tamén un dos órganos de difusión e espallamento cultural de Forcarei, a revista quincenal literaria e independente "Alborear”, fundada polo pintor Virxilio Blanco e polo mestre Caldera Manzano.

En 1946, o asasinato do mestre falanxista José Couceiro e maila súa dona, atribuído á banda do celebérrimo guerrilleiro Foucellas, pecha o enfrontamento fratricida da primeira metade do século en Forcarei.

 

 






 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +