Parroquia San Bartolomeu de Pereira
Nesta parroquia nace o río Umia, nas proximidades do lugar de Reigosa. Presenta varias mámoas nas inmediacións do lugar de Muras, onde tamén se atopa un dos castros mellor conservados. Á beira del localízase unha capeliña rústica do século XVIII, de moi pequenas dimensións. A igrexa parroquial, do século XVII, ofrece unha fachada barroca, semellante á da igrexa de Millerada, salvando as diferencias de tamaño, e coroada por unha espadana cadrangular de tipo cisterciense. No seu interior aínda garda unha pía bautismal románica do século XIII, decorada con cruces latinas, flores de lis e figuras xeométricas. Consérvase tamén unha imaxe barroca da Virxe, do século XVII. No cemiterio pódense ollar tallas dos mestres canteiros Manuel Villaverde Viéitez e Manuel López Barciela, os dous de Aciveiro.

1