Turismo Rural


Turismo Rural


 

Un dos principais atractivos do crecente sector turístico do Concello e de Terra deMontes en xeral, está baseado, por forza, no potencial natural, nun entorno favorecido medioambientalmente pola presencia de varios espacios protexidos: a zona que abrangue a Lagoa Sagra e mailos humedais ou brañas de Xestoso, a Serra do Candán, na que destaca o val de Grobas, e unha porción da Serra do Cando.


A primeira zona foi motivo e obxectivo dun ambicioso documental levado a bo termo polo naturalista pontevedrés Federico de la Peña, redondeando e completando un traballo, "O Latido da Braña”, que xa fora galardoado co premio "Casa das Ciencias de Divulgación Científica” da Coruña no pasado 1996, na que fora a primeira ocasión en que unha curtametraxe documental galega recibía tal recompensa. A Lagoa Sagra é unha das escasas lagoas naturais de montaña da provincia de Pontevedra, envolta en lendas populares e mesmo obxecto de estudio polo etnógrafo Fermín Bouza Brey. Ubícase preto do lugar de Valadares (Meavía), xusto no límite setentrional da Terra de Montes, e cobra ademais interese arqueolóxico por estar próxima a unha zona de enterramentos prehistóricos, as mámoas de Boimorto. Mantén auga durante os invernos e primaveras chuviosas, e constitúe un reducto de cría e vida da estronza (a rá de San Antonio – Hyla arbórea), ademais da interesante presencia doutros anfibios e invertebrados acuáticos. É visitada ocasionalmente por aves coma a Garza Real ou o Ánade Real e algunhas aves limícolas de paso.
As "Brañas de Xestoso", zona protexida proposta para a Rede Natura 2000, remóntanse ao Neolítico, concretamente formáronse trala última glaciación, é dicir, teñen unha antigüidade de 12.000 anos.
Nos meses de primavera e verán nas "Brañas de Xestoso" nace a "herba de algodón", propia de zonas nórdicas e xélidas. Entre outra flora, tamén se pode atopar neste paraxe natural a orquídea maculta, prantas insectívoras e musgo de ata medio metro de altura.
En canto á fauna, nas "Brañas de Xestoso" viven especies como o "picanzo vermello", a víbora galega, a "Curuxa das xunqueiras" ou a ra de San Antonio.

As serras do Candán e Cando presentan a paisaxe común de media montaña (as cotas máis elevadas pouco sobrepasan os 1.000 metros) e albergan vales e grobas de inusitado interese, coma a que podemos ver entre Acibeiro e Millerada co propio topónimo de Grovas, onde quedan os restos dun núcleo de poboación tradicional e incontaminado, antigamente só comunicado por estreitos pasos de montaña e onde tamén nace o río Grobas, afluente do Deza. Este pequeno reducto resulta dunha insólita e agreste beleza.

Estes espacios complementan, mellor ca ningún outro factor, a labor que se está a facer actualmente de recuperación de vivendas tradicionais que se adican ó agroturismo ou turismo rural.

Casas de turismo rural como, Casa Yosa en Castrelo, A Quintela, A Eira de Baixo, A Cassanova ou A Casa dos Ferreiros (Forcarei), Casa Florinda en Pedre (Cerdedo) e a "Zapatería del tío Ramiro” en Alvite (Beariz), vanse sumando a outras en toda a Terra de Montes, ademais da hospedería de turismo de tres estrelas que se empraza no mosteiro cisterciense de Aciveiro, trala súa rehabilitación integral.

 

 

Así mesmo, estes interesantes e necesarios proxectos de restauración de vivendas veranse tamén complementados por empresas vencelladas directamente ó turismo rural que poden facilitar ó visitante a práctica de rutas a cabalo (unha empresa e cada un dos concellos) e iniciativas de sendeirismo (a ruta das "Pontes do Lérez" ou o sendeiro natural circular en torno ó mosteiro de Aciveiro pola serra do Candán).

Xa existe, por outro lado, unha oferta desde hai uns anos para a práctica de parapente, na Escola Municipal de Parapente de Cerdedo, ubicada na ladeira do Monte Seixo, que tamén dispon dun albergue de 8 prazas. Esta Escola foi a gañadora do premio á "mellor escola galega de Parapente”, que concede a Federación Aeronáutica Galega. A todo elo hai que unir unha gastronomía tradicional onde se poden degustar pratos coma a carne richada, con festa de exaltación en Forcarei o primeiro domingo de Nadal, a galiña ó sal, distintos productos de caza e pesca ou a carne ó caldeiro, todos sabiamente elaborados polos artesáns da cociña de Montes, e acompañados dun pan que ten a súa bandeira no famoso pan de Soutelo, localidade que tamén comezou no pasado 1999 a ofrecer a Festa do Cogumelo, que se celebra no mes de novembro.

 

 




 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +