Parroquia San Martiño de Forcarei


Parroquia de Forcarei.


Na freguesía que acolle a capitalidade do concello pódese ollar o templo parroquial, obra de finais do século XVIII executada polo mestre de cantería Pedro Varela e mailo mestre asentador Pedro Gutiérrez. A súa planta é de cruz latina, pero no brazo dereito levouse a cabo unha ampliación proxectada polo arquitecto Javier García Santoro no ano 1961. A ábsida presenta forma cadrangular e as cubertas son de bóvedas aristadas de pedra. A fachada é de estilo neoclásico, cunha porta de medio punto sobre a cal se asenta unha fórnice coa imaxe da Virxe. Do frontón partido arranca a torre do campanario, cadrangular no primeiro corpo e octogonal no segundo, rematada nun cupuliño de nervios.

O cruceiro, que anteriormente se atopaba no centro da antiga praza e, trala remodelación desta, pasou a formar parte da escalinata que conduce á igrexa, foi realizado a finais do século XIX polo mesmo artista que construíra o do campo do mosteiro de Aciveiro, Xosé Ferreiro.

A Casa do Concello de Forcarei conforma, xunto coa igrexa de Soutelo e maila casa de estilo modernista do constructor Alfredo González Barros, os únicos exemplos de arquitectura de vangarda. Foi proxectada polo arquitecto pontevedrés César Portela-Fernández Jardón, gañador do Premio Nacional de Arquitectura no ano 1999.

A Ponte Gomaíl, entre os lugares de Gaxín e Castrelo, é outro dos exemplos de bo facer dos demiurgos da pedra, os canteiros de Montes, que a encetaron no século XV nunha fermosa e atraente paraxe na que o río Lérez se despide das terras forcaricenses. Encrávase nun camiño que nunha das súas bifurcacións ía dar á antiga Vía Strata (orixe do veciño concello de A Estrada), e ten uns quince metros de longo e dous cincuenta de ancho. O arco principal, lixeiramente apuntado como corresponde ó estilo marcado no seu tempo, é de lousa colocada admirablemente en chapacuña, asentada sobre fortes basamentos no leito do río. Garda un perfecto equilibrio co contorno do Lérez e das árbores que a arroupan, constituíndo un emprazamento inmellorable para gozar da natureza.

 





 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +