Senda das Neveiras
A senda das Neveiras percorre os puntos de maior interese paisaxístico e patrimonial do lugar de Fixó - Potela.
Dende o Miradoiro de Grobas, poderás salvar o desnivel da Pena de Malpaso e camiñar polo alto da devesa, ata atopar un fermoso miradoiro natural dende ande acadaremos vistas privilexiadas da aldea abandonada de Grobas.
Dende a Pena de Malpaso, poderás descender pola cara leste da ladeira ata o Regueiro de Malpaso e acompañar o seu curso ao carón da vexetación de ribeira por vales encaixados.
Entre piñeirais descubrirás as Neveiras e, a poucos metros, á Mámoa de Rofete, ambos os dous son bens etnográficos de
grande interese arqueolóxico catalogados no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia. Outros dos lugares de interese que poderás visitar son o Muíño do Porto e as devesas.
O MVMC de Fixó-Portela caracterízase pola súa riqueza xeomorfolóxica e posúe zonas moi escarpadas e abruptas con pequenos vales encaixados e espectaculares miradoiros de ampla visibilidade. Está integrado no espazo natural "Serra do Candán", incluído na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Protexidos.
As Neveiras de Fixó, datadas no século XVII, eran explotadas polos monxes do Mosteiro de Aciveiro, que obtiñan delas unha das súas principais fontes de ingresos. O comercio de xeo foi unha das actividades máis rendibles da zona durante ese século, xa que o Camiño Real ou do correo que unía o Mosteiro de Aciveiro co Ribeiro, pasaba por estas montañas.
1