Ruta a Grobas


Río en Grovas

 

Iníciase a ruta na aldea de Fixó, pertencente á parroquia de Millerada, a onde podemos acceder dende a estrada nacional 541 (Pontevedra-Ourense) á altura de Soutelo de Montes por unha desviación que se atopa no medio da vila á esquerda indo en dirección a Ourense.


En Fixó podemos deixa-lo coche e iniciámo-la ruta na parte máis alta da aldea por unha pista que sae da aldea á esquerda dunha granxa de vacas. Esta pista conduciranos sen perda ata a cima da ladeira,dende onde poderemos disfrutar dunha das mellores e máis completas vistas do val do río Lérez no seu nacemento e percorrido pola terra de Montes e onde atopamos un cruce no que tomarémo-lo camiño da dereita, que nos levará cara un pinar que ocupa a cabeceira dunha veiga, dentro da que se atopan as dúas neveiras que mellor se conservan das pertencentes ó mosteiro de Aciveiro e ó Cabildo. Esta veiga atópase no norte dunha meseta situada entre o nacemento do Deza e o do Lérez, situada a uns 700 m. de altitude sobre o nivel do mar e zona tradicional de pastos do gando das aldeas circundantes.

As neveiras que se atopan aquí, debido a que eran buratos perigosos para os animais que pastaban a veiga na que se atopan, foron, intencionadamente deixadas rebordar pola maleza polos propios donos, o que fai que hoxe sexan perfectamente localizables dentro do campo na actualidade plantado de piñeiros.Unha atópase na parte sur e a outra no suroeste da veiga. Estas neveiras eran utilizadas polo Mosteiro de Aciveiro e mailo Cabildo compostelano para face-la "colleita" da neve, que se almacenaba ata os meses do estío, época na que, trala conversión en xeo e a compactación subseguinte e a través de carretas de bois (cedidas polos veciños en traballos de prestación), comerciábase coa zona de Santiago, A Coruña, Ourense e mesmo coa capital de España. O sistema de protección para o transporte era o de envolve-los bloques de xeo en palla. Deste xeito, e aínda perdendo a metade da mercancía no camiño, o comercio era rentable ata o punto de que eran continuos os pleitos entre o Mosteiro, o Cabildo e mesmo algúns particulares pola propiedade e a ubicación das neveiras. Este comercio e a labor da colleita e a corta do xeo daba traballo a moita xente da zona, a quen se lle pagaba o xornal e mais cantidades pactadas de tabaco e viño.

Despois de visita-las neveiras retomámo-lo camiño e seguimos en dirección suroeste e tomando nas dúas seguintes desviacións á esquerda, bordeando a cerrada do pastizal que imos deixando á nosa esquerda, cruzando a chaira e ata que tomámo-la dirección do monte Coco.

Antes de empezar a ascender tomarémo-la primeira desviación pola dereita, que nos levará pola cara suroeste deste monte en descenso zigzagueante cara o encontro do río Deza ó seu paso pola Trigueira, atravesando a zona das minas de Wolfram. Durante a postguerra funcionaron moitas minas na zona. Esta minería, como di Bieito Alonso Fernández, xa acadara a súa consolidación entre 1.905 e 1.935, pero o grande auxe producíuse entre 1.935 e 1.955, polo seu carácter estratéxico, fundamental nunha etapa marcada por dous grandes conflictos bélicos: a II Guerra Mundial e a Guerra de Corea. Neste período a exportación multiplicouse por dez e medrou significativamente o número das explotacións. No ano 1.943 case 10.000 traballadores galegos gañaban o seu xornal nas minas de Wolfram. Nalgúns pobos (caso de Vilar, en Millerada) abríronse incluso economatos para os traballadores das minas. Desa época quedan na actualidade moitas abertas nos montes, así coma restos dos camiños que se empregaban para saca-lo mineral.

Finalizámo-lo descenso desembocando nunha estrada sen asfaltar pola que tomaremos á dereita en dirección ó río, que salvamos por unha ponte de recente construcción, ó lado da que podemos ollar outra máis antiga de madeira que serviu para uni-las dúas beiras ó longo dos tempos.

Uns metros río arriba atópanse os restos que as enchentas deixaron dun antigo encoro construido no lugar con fins hidroeléctricos e que hoxe constitúe unha bonita fervenza . Para acceder a esta zona hai un pequeno carreiro polo monte paralelo ó río pola beira na que nos atopamos e polo que podemos chegar ata unha amplia zona de remanso. Os encoros son outro dos restos dunha época na que se utilizaba a forza dos ríos para facer pequenas centrais de onde se tiraba a enerxía eléctrica para dar abasto a un núcleo de poboación que non requirise demasiada. Tiveron a súa eclosión nos anos 50 deste século, e foron, dalgún xeito, as sucesoras dos muíños no emprego da forza hidráulica. Son hoxe vestixios da primeira etapa da industrialización nestas terras.

De regreso na estrada seguimos pola outra beira por unha costa que nos levará ata a Cabana, casa rodeada dunha gran extensión cerrada de terra antigamente dedicada ó cultivo e hoxe a pasto. Nesta casa residía o cabaneiro, que tiña un rebaño grande de gando que pastaba polos montes da zona e polos prados dos que dispón a casa. Coma símbolo da riqueza desta casa podemos observar nunha eira empedrada un hórreo de seis claros.

Seguímo-la estrada que nos conducirá á aldea da Trigueira, na que nos podemos refrescar coa auga da fonte que atopamos ó pé da estrada. Neste pobo existe un establecemento de turismo rural. Fronte á fonte tomaremos un camiño que descende á esquerda deixando a aldea á dereita, e que nos conducirá ata o río que atravesa por unha pontella de lousas pola que pasaba o camiño que unía a aldea coas da outra beira, O Potomartiño, O Ameixedo, Bustelos, Grobas, etc...

Á dereita deste punto polo que o noso camiño atravesa o río atopamos unha zona de baño moi frecuentada por bañistas da bisbarra nos últimos tempos e lugar ideal para descansar a repoñer forzas para a parte do percorrido que nos resta.

Seguímo-lo camiño e unha vez pasado o río a pouca distancia atopamos de novo a pista que nos levará pola dereita en dirección ó Portomartiño. Unha vez pasado o primeiro regato atopámo-lo camiño antigo que viña dende a Trigueira e que se desvía da estrada pola dereita. Seguimos este camiño que nos conducirá ata a aldea de O Portomartiño, á que chegamos polo fondo preto dunha pequena capela. Xa na aldea tomamo-lo camiño da dereita para atravesa-la aldea e antes de supera-la derradeira casa que se atopa á dereita tomámo-lo camiño que sobe entre muros de veigas e que nos leva a enlazar de novo coa pista que abandonaramos máis atrás.

Nesta aldea podemos observa-la estructura típica das casas rurais de montaña, así como as dificultades de adaptación que debeu supera-lo home nestas terras para sobrevivir e que logo volveremos a observar en Grobas.

Subimos en zig-zag, para continuar llaneando pola pista ata un cruce dende onde avistamos á dereita a pequena aldea de O Ameixedo. Tomámo-la pista que descende á dereita cara á aldea á que chegamos ó seu centro a carón dun pilón dende onde podemos divisar unha das mellores panorámicas sobre o val do río Grobas e as fragas que o arrodean.

Abandonámo-lo Ameixedo en dirección Oeste por unha congostra flanqueda polos muros das veigas e, unha vez sobrepasadas estas, collemos cara á dereita internándonos nun mesto bosque. Esta devesa do Ameixedo, situada na ladeira umbría do Monte Coco, é o reducto do que noutros tempos debeu sé-lo aspecto de grande parte da zona de media montaña galega: frondosidade, vexetación tupida e unha enorme variedade de especies vexetais.

En poucos lugares hoxe en día podemos atopar semellante mostra do bosque autóctono galego: o lume, a deforestación, a invasión de especies alleas, entre outras cousas, fixeron que só en zonas illadas, con moi pouca poboación, alto grao de humidade e elevada pendente, sobrevivise esta marabilla, cumio da evolución das formacións vexetais de Galicia.

Aparecen gran cantidade de especies arbóreas propias (moi poucas non se ven representadas): os carballos (Quercus robur e Quercus pyrenaica) e o castiñeiro (Castanea sativa), que conforman as dúas especies dominantes e de maior tamaño. Os bidueiros (Betula verrucosa), aínda que con menor representación, tamén son especie de gran altura. Logo, nun estrato inferior, destacan pola súa extraordinaria abundancia os acivros (Ilex aquifolium), especie vexetal representativa destas altitudes, e tamén os sanguiños ( Frangula alnus). A presencia de ameneiros (Alnus glutinosa) limítase a segui-lo curso de auga que discorre polo fondo da devesa.

Seguindo coas especies arbustivas atopámonos coa presencia das carqueixas, as urces e os ruscos ou rascacús ( Ruscus aquleatus). Gran variedade de fentos e os arandos (Vaccinium myrtillus) son só exemplos moi significativos do amplísimo abano de especies que se poden observar.

É tamén salientable a grosa capa de brión e materia orgánica que cobre o solo, así coma a densidade da vexetación, o que nalgunhas zonas faina impenetrable a non ser a través da rede de carreiros que a cruzan.

En resume, temos ante nós un espacio de grande importancia ecolóxica e mesmo cultural: Nel atópase un reservorio vital de especies vexetais que están en clara recesión (acivro, carballos, arandos…). Por outra parte serve coma acubillo e lugar de cría e alimentación tranquilo para aves e mamíferos que non son capaces de sobrevivir unicamente nun espacio aberto (o queimado que os arrodea) e, por último, unha vexetación tan mesta e que precisa de tanta humidade fai que a auga da choiva quede retida, regulando deste xeito a erosión da terra fértil e as posibles cheas dos cauces fluviais.

Chegamos ó río preto dun muíño que, de non resultar máis cómodo, segundo as palabras da súa dona, moer na casa no eléctrico, seguiría en actividade. Dende o muiño seguímo-lo camiño que, á dereita, vai río abaixo na procura dunha ponte feita cunha soa lousa, por onde atravesarmos ó outro lado. Neste punto podemos visitar paraxes ó lado do río, polas que se pode transitar sen dificultade, xa que esta zona é frecuentada por pescadores dos lugares próximos.

Xa na outra beira do río, emprenderémo-la subida seguindo unha pista que tomamos nada máis superada a ponte, subimos en zig-zag e no primeiro cruce collemos á esquerda , para segui-la pista subindo ata as proximidades da aldea de Bustelos.

Ó chegar ó alto, xa nas proximidades de Bustelos, collemos á esquerda por unha pista que sae en dirección oeste por entre dúas veigas, pero nada máis pasada a veiga que deixamos á esquerda descendemos, seguindo un carreiro,que máis adiante se convertirá en camiño enlousado (que constituía antigamente a vía de enlace coa zona de Bustelos e a freguesía de Vilatuxe, no concello de Lalín) e que nos levará ata a aldea abandonada de Grobas.

Grobas constitúe na actualidade un reducto do que foi a aldea galega, incontaminada dos pecados da era do culto ó reloxo, porque morreu antes de que o progreso rematara de matala, antes de que o ogro lambón da tecnoloxía engulira os seus soños de aldea incólume. Un revive, cando se achega a Grobas, o rechouchío máxico das seranciñas rebuldeiras do verán da infancia universal, un verán poboado de lavercas e de rulas, de petos e chirlomirlos, de paxaros que hoxe pertencen a esa nostalxia da propia aldea, a ese inconsciente colectivo ó que un recorre cando xa non quedan presencias vivas que poder ollar e sentir, cando esas presencias só se poden rememorar, pero nunca voltar a vivir.

Desde a ladeira do Candán de resonancias mitolóxicas podemos ir ollando mentres nos aproximamos ás ruinas do pobo a obra do home en simpar irmandade coa natureza, obra que un día foron pedras cheas de vida ó seu redor, que ollaron como unha comunidade vencía a esa inhóspita natureza para face-la súa irmá e para convivir nela e con ela. Semella que Grobas ficou instalada na estampa intemporal do eterno Candán, irmanada coa néboa e coa memoria inmorrente desoutra época de montes traballados, de corredoiras e congostras enfeitizadas, de fontes gorgolexantes e de prados constaneiros á beira dos ríos. En Grobas, os seus habitantes, tiñan o obrigado costume de ata-los carros para que non se lles fosen cara o río. Tamén se vían obrigados a subi-los difuntos a cabalo dalgún animal doméstico ou do lombo dos veciños. Este derradeiro anacronismo foi, sen dúbida, o que convenceu ós veciños que quedaban da necesidade de abandona-la súa casa para sempre e incorporarse a unha civilización que foi deixando esquecida e aillada a aldea, transformada nunha aldea-fósil, non sen antes rematar de enlixa-la súa pureza con senllas marcas do moderno "modus operandi" do ser humano: a frecuencia de visitas e acampadas irrespetuosas co que un día foi un soño de pedra e auga, e o trazado duna liña de alta tensión eléctrica que causa un tremendo impacto visual na ladeira e que non foron quen de evitar as protestas de numerosas asociacións ecoloxistas comprometidas co medio ambiente.

Abandonamos Grobas pola única pista que ten a aldea e que nos levará ata o alto de san Bieito, no que podemos disfrutar dunha das mellores vistas sobre a terra de montes, a comarca do Deza e a serra do Candán e dende onde podemos acadar a ver incluso a vila de Santiago nos días claros.

Dende o alto voltamos sobre os nosos pasos e situámonos no primeiro cruce que atopamos antes de emboca-lo alto e despois de pasa-la fonte que atopamos subindo a man esquerda. Apenas dez metros de desviarnos volvemos a torcer, á dereita esta vez, e seguimos para voltar a desviarnos á dereita no seguinte cruce, cando xa divisámo-lo mosteiro, fin da nosa ruta.

Seguímo-la pista que remata ó pé dunha torreta de alta tensión, dende onde deberemos camiñar monte a través en dirección á aldea de A Noveliza pasando polo lugar onde se atopan as fontes do río Lérez.

Enlazamos coa estrada que vai a dita aldea á altura da ponte sobre o incipiente Lérez e dobramos á dereita cara á Rochela, aldea na que dobraremos á esquerda naquel punto na que a estrada asfaltada curva cara a esquerda no centro da aldea.

Tomamos este camiño en dirección suroeste para volver a cruza-lo Lérez por unha pequena pontella uns centos de metros máis aló. Seguímo-lo camiño tomando a primeira desviación á esquerda cara o cumio da pequena cordal que debemos superar.

No seguinte cruce tomámo-lo camiño da dereita para visita-la aldea de Vilaverde e dende aquí dirixírmonos ó mosteiro pola estrada asfaltada na que debemos toma-lo único desvío que se nos presenta á dereita, que vai dar o campo do Mosteiro de Aciveiro. O mosteiro, punto final do noso percorrido, é unha xoia arquitectónica do Románico tardío. Comenzou a súa construcción no ano 1.135, segundo reza a inscripción situada na parede sur do templo. Do primitivo románico queda precisamente o templo (e non todo, porque a fachada pertence ó Barroco popular), posto que o mosteiro sofriu posteriores reformas ó longo dos séculos, xa con factura barroca e neoclásica.

A portada norte e a ábsida sí son exemplos dun Románico labrado por expertos canteiros e artistas, pioneiros desoutros que logo foron recollidos exhaustivamente no libro "Canteiros e Artistas da Terra de Montes e Ribeiras do Lérez", do antigo cronista da Terra de Montes, Don Antonio Rodríguez Fraiz. Podemos ollar motivos coma o xadrezado e o taqueado xaqués nas cornixas e nas arquivoltas da portada norte e das fiestras da ábsida, así coma nos capiteis de variadísimas formas en todo o recinto, pero sobre todo das columniñas que se erguen a carón dos arcos. Circunstancia particular no templo é a existencia do falso triforio, que comparte con moi poucas igrexas galegas, como é o caso de Augas Santas e Xunqueira de Ambía. O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural e rehabilitado ó longo dos anos 96, 97 e 98, para albergar entre outras cousas, unha pousada de turismo rural, un centro cultural e posiblemente un museo etnográfico, sendo tamén a sé dunha Escola-taller que no ano 98 ía pola segunda fase. Este mosteiro foi o responsable da ebulición do sector artesanal e da múltiple aparición de oficios (ata un centenar no catastro do Marqués de la Ensenada) así coma dunha particular concepción da vida que concede unha grande relevancia a cultura e a formación, como amosa o feito de que esta comarca de Terra de Montes non sobrepase, xa desde hai moito tempo, a taxa do 3% de analfabetismo, porcentaxe só comparable a ámbitos urbanos.

 

 

 

Sendeiros de Montes



Ver novas relacionadas


 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +