Forcarei elabora un Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable

Forcarei elabora un Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable


O Concello levará a pleno o documento para avanzar nos traballos a realizar tras a súa adhesión, en 2020, ao Pacto de Alcaldes para o Clima

Forcarei elabora un Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable

· O xoves haberá unha sesión de portas abertas para a veciñanza que queira saber máis sobre este proxecto e as liñas a seguir para a redución de emisións de CO2

Forcarei (22-11-21). O Concello de Forcarei está a finalizar a redacción do seu Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable (PACES), un documento que pretende deseñar os instrumentos e liñas de actuación para lograr a redución de emisións de CO2 en polo menos un 40% para o ano 2030, por medio esencialmente de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables.

Este documento é un dos compromisos adquiridos tras a súa adhesión, en xullo de 2020, ao Pacto de Alcaldes para o Clima e Enerxía Sustentable e levarase a pleno, para a súa aprobación definitiva. Este mesmo xoves, de 12.00 a 14.00 horas, haberá unha sesión de portas abertas no salón de actos do Concello para as veciñas e veciños que queiran coñecer este proxecto e as medidas a seguir para loitar contra o cambio climático.

O PACES estrutúrase en tres partes diferenciadas: un inventario de emisións de referencia das que facer un seguimento e así avaliar a efectividade de accións de mitigación, unha análise dos riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático e, por último, as medidas previstas para reducir e limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro e prepararse para os impactos do cambio climático.

Na elaboración do documento tomáronse como referencia datos concretos de consumos de gasóleo e electricidade en edificios e instalacións municipais e a produción de residuos para facer unha radiografía da situación actual e definir o conxunto de accións a levar a cabo.

Entre as actuación propostas, contémplanse algunhas que xa se iniciaron no Concello de Forcarei. O cambio de luminarias a LED, a humanización de diversos espazos nos núcleos de Forcarei e Soutelo de Montes, a instalación de enerxías renovables, a redución de consumo de combustibles fósiles e substitución progresiva por alternativas máis limpas, e a mellora da eficiencia enerxética nos edificios municipais son algunhas das liñas estratéxicas a seguir nos próximos anos.

A elaboración do Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable (PACES) finánciase grazas a unha subvención conseguida de 4.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, cofinanciada con fondos europeos.



Ver novas relacionadas


 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +