O CONCELLO PAGARÁ 10 EUROS A CADA FORCARICENSE QUE GASTE 30 NO COMERCIO E NA HOSTALERÍA LOCAIS

O CONCELLO PAGARÁ 10 EUROS A CADA FORCARICENSE QUE GASTE 30 NO COMERCIO E NA HOSTALERÍA LOCAIS


• Investirá 5.000 euros nesta campaña para promover o consumo no municipio, especialmente orientada aos negocios máis afectados pola crise sanitaria

• Distribuiranse 500 bonos de 10 euros paras veciñas e veciños maiores de idade e empadroados na localidade, cun máximo dun por persoa.

• Esta campaña permitirá xerar un movemento de cartos por valor dun mínimo de 15.000 euros entre as pemes de Forcarei

• Os establecementos poderán adherirse á iniciativa ata o vindeiro xoves e os bonos comezarán a distribuírse o 21 de decembro. As compras poderán efectuarse entre o 21 de decembro e o 31 de xaneiro

O Concello de Forcarei porá en marcha a partir da vindeira semana unha campaña para promover o consumo nos establecementos da localidade mediante a que achegará á veciñanza 10 euros por cada compra que efectúen cun valor igual ou superior a 30 euros, o que significa que @s consumidores pagarán 20 euros e o Concello os 10 restantes.

O Goberno local investirá nesta iniciativa un total de 5.000 euros, o que supón que se distribuirán 500 bonos de 10 euros (un por persoa) para gastar en negocios de Forcarei, promovendo un movemento de diñeiro por valor de polo menos 15.000 euros.

"Ademais de fomentar o consumo local nestas datas de Nadal, con esta campaña queremos axudar ás empresas de Forcarei a ter un volume máis alto de negocio, principalmente ás máis afectadas pola crise sanitaria derivada do coronavirus que tiveron que pechar as súas portas durante o estado de alarma, e ao mesmo tempo concienciar á poboación sobre a necesidade de colaborar coas empresas locais”, manifestou a alcaldesa Verónica Pichel.

Poderán beneficiarse desta campaña as veciñas e veciños empadroad@s no concello de Forcarei, maiores de idade, previa solicitude na casa consistorial. O número de bonos está limitado a un por persoa ata esgotar as 500 unidades.

As empresas interesadas en participar nesta iniciativa deberán adherirse á mesma desde mañá ata o xoves 17 de decembro e @s veciñ@s poderán pedir os bonos a partir do luns 21 de decembro no Concello de Forcarei, solicitando cita previa no??986 75 50 36 (extensión 2029). 

Así mesmo, as compras obxecto desta campaña poderán realizarse entre o 21 de decembro e o 31 de xaneiro.

Pola súa banda, as empresas poderán enviar as facturas e bonos ao Concello para o seu pagamento entre o 11 de xaneiro e o 11 de febreiro.


Bases Reguladoras



Ver novas relacionadas


 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +